Nodos
Os nodos son os bloques fundamentais de n8n. Cada nodo representa unha acción concreta dentro dun fluxo de traballo: recibir datos, transformalos, envialos a outro servizo, etc. Un fluxo constrúese conectando nodos entre si.
Tipos de nodos
Trigger (disparador)
O trigger é sempre o primeiro nodo dun fluxo. É o que o pon en marcha cando se cumpre unha condición. Exemplos:
- Webhook: o fluxo arráncase cando se recibe unha petición HTTP.
- Schedule (programación): o fluxo execútase a unha hora ou intervalo determinado.
- Evento dunha aplicación: o fluxo arráncase cando ocorre algo nun servizo externo (un novo correo, unha mensaxe en Telegram, etc.).
Sen un trigger, o fluxo só se pode executar manualmente.
Acción
Os nodos de acción realizan operacións cos datos que reciben do nodo anterior. Exemplos:
- HTTP Request: fai unha chamada a unha API externa.
- Google Sheets: le ou escribe datos nunha folla de cálculo.
- Send Email: envía un correo electrónico.
- Telegram: envía unha mensaxe a un chat de Telegram.
Utilidades
Son nodos auxiliares para manipular os datos dentro do fluxo:
- If: bifurca o fluxo segundo unha condición.
- Merge: combina datos de varias ramas.
- Set: modifica ou crea campos nos datos.
- Code: executa código JavaScript ou Python personalizado.
Xestión de nodos
Engadir un nodo
- Preme no botón + no lenzo ou ao final dun nodo existente.
- Busca polo nome do servizo ou tipo de acción.
- Selecciona o nodo e engadirase ao fluxo.
Configurar un nodo
Ao premer sobre un nodo, ábrese o panel de configuración onde podes:
- Seleccionar a operación que queres realizar (ler, crear, actualizar, etc.).
- Definir os parámetros necesarios (campos, filtros, valores).
- Engadir credenciais se o servizo require autenticación.
Conectar nodos
Arrastra a saída dun nodo (punto da dereita) á entrada do seguinte (punto da esquerda). Isto define a orde de execución e o paso de datos entre nodos.
Ao conectar dous nodos, n8n entrega automaticamente ao seguinte os elementos producidos polo anterior. Para empregar un campo concreto, activa Expression no campo de configuración e escribe unha expresión como:
{{ $json.mensaje }}
Esta expresión obtén o campo mensaje do elemento que está recibindo o nodo actual.
Se o dato está dentro dunha estrutura máis complexa, pódese seguir a ruta dos campos. Por exemplo, esta expresión obtén o HTML devolto por un nodo HTTP Request:
{{ $json.data }}
Seguir a ruta dun campo
Os datos que devolve un nodo están organizados como un obxecto. Para chegar a un campo que está dentro doutro, escríbense os nomes separados por puntos, desde o campo exterior ata o máis interior.
Por exemplo, imaxina que un nodo devolve estes datos:
{
"content": {
"parts": [
{
"text": "Texto xerado por Gemini"
}
]
}
}
Para obter o texto hai que seguir esta ruta:
$json -> content -> parts -> [0] -> text
A expresión completa sería:
{{ $json.content.parts[0].text }}
Cada parte da expresión significa o seguinte:
$json: os datos do elemento actual..content: entra no campocontent..parts: entra no campoparts, que neste caso é unha lista.[0]: selecciona o primeiro elemento da lista. As posicións comezan en cero..text: obtén o campotextdese elemento.
Poe exemplo:
{{ $json.content.parts[0].text }}
Se a lista tivese varios elementos, poderías acceder ao segundo con [1], ao terceiro con [2], e así sucesivamente. Se o campo non existe ou a ruta non é correcta, a expresión non devolverá o valor esperado.
Tamén podes arrastrar un campo do panel de datos da saída do nodo anterior. n8n creará a expresión automaticamente, evitando ter que escribila manualmente.
Cada nodo execútase unha vez por cada elemento que recibe do nodo anterior. Se o nodo anterior envía cinco elementos, o seguinte executarase cinco veces, unha por cada elemento.
Eliminar un nodo
Selecciona o nodo e preme a tecla Supr ou fai clic dereito e selecciona Eliminar.
Probar un nodo
Podes executar un nodo individual premendo en Probar paso dentro do panel de configuración. Isto permite verificar que funciona correctamente antes de executar o fluxo completo.