Creación de sitios web
Manus pode crear un sitio web a partir dunha descrición escrita en linguaxe natural. Só temos que explicarlle que queremos conseguir e, se é necesario, indicar as linguaxes e tecnoloxías que debe utilizar.
Crear o sitio
Na pantalla principal de Manus, segue estes pasos:
- Entra en Creations.
- Selecciona Websites.
- Preme en Create.
- Escribe no prompt unha descrición do sitio que queres crear.
Podes pedir un sitio sinxelo baseado en HTML, CSS e JavaScript. Por exemplo, podemos crear o sitio web dunha cafetería local:
Crea un sitio web sinxelo, atractivo e adaptable para unha cafetería chamada "A Fiestra".
Utiliza só HTML, CSS e JavaScript sen frameworks nin ferramentas externas de compilación.
Inclúe unha cabeceira, un menú de navegación, unha presentación da cafetería, unha carta
con cafés e doces, os horarios de apertura, a localización e un formulario de contacto.
Usa un deseño acolledor que funcione ben en ordenadores e dispositivos móbiles. Escribe
todo o contido en galego.
O prompt indica o obxectivo do sitio, as tecnoloxías que se poden utilizar, o contido que debe incluír e algunhas condicións de deseño. Canto máis concreta sexa a petición, máis fácil lle resultará a Manus crear un resultado axeitado.
Se necesitas unha tecnoloxía concreta, indícaa no prompt. Por exemplo, podes pedir React, Vue ou un framework CSS. Para unha primeira práctica, HTML, CSS e JavaScript sen frameworks permiten ver con claridade como está construído o sitio.
Agardar pola creación
Manus traballa como un axente: pode escribir os ficheiros, probar o sitio e corrixir erros antes de presentar o resultado. Este proceso pode tardar varios minutos.
Non peches a tarefa mentres está traballando. Cando remate, poderás revisar o resultado e pedir cambios adicionais, como modificar as cores, engadir unha sección ou adaptar o deseño para dispositivos móbiles.
Previsualizar o sitio
Despois de crear o sitio, Manus ofrece un enderezo temporal para previsualizalo. Este tipo de enderezo serve para revisar o traballo antes de publicalo. Ao ser unha previsualización, non debes empregalo como enderezo definitivo do sitio.
Publicar o sitio
Se o resultado é correcto, utiliza a opción de publicación que ofrece Manus. A publicación crea un enderezo accesible desde un navegador. Antes de compartilo, revisa as ligazóns, os formularios, a visualización en móbiles e que non haxa información privada no contido. Se non che ofrece a opción, pídello ti mesmo.
Ver o sitio publicado da cafetería A Fiestra
Pedir cambios
Non é necesario comezar de novo para mellorar o sitio. Podes describir os cambios na conversa coa axente. Por exemplo:
Cambia o sitio para que o menú de navegación se adapte correctamente aos móbiles.
Mantén a estrutura existente de HTML, CSS e JavaScript sen engadir bibliotecas
externas.
Despois de aplicar os cambios, volve previsualizar o sitio e comproba que o resultado segue sendo correcto antes de publicalo novamente.
Resumo
- Entra en Creations → Websites → Create.
- Describe no prompt o sitio que queres obter.
- Especifica as linguaxes e tecnoloxías necesarias.
- Agarda varios minutos mentres Manus crea e comproba o sitio.
- Revisa a previsualización e publícao cando estea listo.