Manus
Manus é unha plataforma de axentes de IA autónomos capaces de executar tarefas complexas de forma independente: navegar pola web, escribir e executar código, xestionar ficheiros, interactuar con aplicacións externas e moito máis, sen necesidade de supervisión constante.
Que é un axente de IA?
Un axente de IA é unha IA instruída nun caso de uso concreto. A diferenza dun asistente xenérico, un axente ten un obxectivo definido, ferramentas específicas ao seu alcance e capacidade para tomar decisións e encadear accións ata completar a tarefa.
O que fai especial a Manus é que os axentes poden convivir e comunicarse entre eles: un axente pode delegar subtarefas noutros axentes especializados, coordinándose para completar traballos que serían demasiado complexos para un só modelo.
Que pode facer?
Manus dispón dun entorno de programación integrado que lle permite crear as súas propias ferramentas sobre a marcha. Entre as cousas que pode producir:
- Sitios web
- Presentacións
- PDFs
- Tarefas recorrentes automatizadas
Unha das súas aplicacións máis útiles é a automatización de tarefas de navegación web. Manus integra un navegador co que pode visitar páxinas, cubrir formularios, premer botóns e completar procesos de varios pasos. Consulta o exemplo de automatización de formularios para ver como traballar con esta función de maneira supervisada.
Ten en conta que, ao ser un axente autónomo que traballa paso a paso, pode tardar varios minutos en completar tarefas complexas.
Coñecemento
O coñecemento é información que lle proporcionas a Manus de forma permanente para que a teña en conta en todas as conversas. A diferenza do contexto que pegas nun prompt concreto, o coñecemento queda gardado e o axente pode consultalo sempre que o precise, sen que teñas que repetílo cada vez.
Podes engadir coñecemento dende a pantalla principal de Manus, na sección Knowledge. Alí podes subir:
- Documentos (PDF, Word, texto plano...)
- Páxinas web
- Texto libre
Isto é especialmente útil para dar ao axente contexto estable sobre o teu entorno: a estrutura dos teus cursos en Moodle, as rúbricas de avaliación que usas habitualmente, a documentación dunha API coa que traballa con frecuencia, etc.
Rexistro
Accede a manus.im para crear a túa conta mediante convite.
Créditos
Manus funciona cun sistema de créditos:
- 1.000 créditos ao rexistrarte.
- 300 créditos gratuítos cada día.
- Máximo de 1.500 créditos acumulables ao mes.
Cada acción que realiza o axente (navegar, executar código, chamar á API...) consume créditos, polo que convén usalos con eficiencia.
Consellos para aforrar créditos
- Sé específico dende o principio. Canto máis contexto e documentación lle proporciones ao axente na primeira mensaxe, menos rodeos dará para entender o que queres. Por exemplo, pasarlle directamente a documentación dunha API permite que vaia "directo ao gran" sen exploración innecesaria.
- Pide borradores antes de executar. Podes pedirlle que redacte un código ou un material e que cho mostre para revisalo antes de que o execute ou o publique. Así evitas gastar créditos en accións que despois hai que desfacer.
- Agrupa tarefas. En lugar de pedirlle cousas unha a unha, dálle unha lista de tarefas nunha soa sesión (por exemplo: "analiza estas 5 entregas e crea esta tarefa en Moodle"). Un só contexto ben aproveitado é moito máis eficiente que varias conversas illadas.