Claude e MCP
Claude pode conectarse a servidores MCP de tres maneiras: mediante conectores incluídos, mediante servidores que se executan na nube ou mediante servidores que se executan no noso equipo.
Os conectores incluídos e os servidores na nube engádense directamente desde Claude Web, pero para empregar MCP que se executan localmente precísase Claude Desktop, a aplicación de escritorio de Anthropic.
Claude Desktop inicia estes servidores a partir do ficheiro de configuración
claude_desktop_config.json. Así, Claude pode utilizar nas conversas as
ferramentas que ofrece cada servidor local.
Tres formas de usar MCP con Claude
Claude permite traballar con servidores MCP de varias formas. A diferenza principal é o lugar onde se executa o servidor e como se engade a Claude.
Conectores incluídos
Claude xa ofrece algúns conectores listos para utilizar. Para activalos, abrimos o menú +, escollemos Conectores e prememos en Xestionar conectores. Neste caso non temos que configurar nin executar o servidor MCP manualmente.
Servidores MCP na nube
Tamén podemos engadir un servidor MCP remoto, que se executa na nube. Desde o menú +, escollemos Conectores, Engadir conector e Engadir conector personalizado. A configuración solicita os datos necesarios para conectarse ao servidor remoto.
Esta opción permite utilizar o servidor desde as aplicacións compatibles coa conta de Claude, sen ter que mantelo executándose no noso equipo.
Servidores MCP locais
Por último, podemos executar o servidor MCP no noso propio equipo. Esta opción
utilízase con Claude Desktop, que inicia o servidor a partir do ficheiro
claude_desktop_config.json.
Neste caso, o servidor pode executarse directamente coas ferramentas do sistema
como npx ou dentro dun contedor Docker. A conexión queda asociada ao equipo
onde está instalado Claude Desktop.